Pitágoras de Samos


Pitágoras de Samos

(- 572 a - 496)

Vida e obras

Biografía

A vida de Pitágoras atópase envolva en lendas. Naceu en Xonia, na illa de Samos, cara o 572 aC. e, disque, coñeceu a Anaximandro de Mileto. Atribúenselle viaxes a Exipto e Babilonia. A tiranía de Polícrates fíxolle abandonar Samos, trasladándose a Italia e estabelecéndose en Crotona. Alí creou unha seita filosófico-relixiosa, inspirada no orfismo, cuxos membros vivían en comunidade de bens, participando dun conxunto de crenzas e saberes que permanecían en segredo para os non iniciados.

A influencia exercida por devandita seita en Crotona foi considerábel, disque, chegando a suscitar a inimizade do pobo que se rebelou contra o dominio exercido polas seita pitagórica e, no transcurso desa revolta popular, puxo lume ás súas propiedades e expulsounos da cidade. Disque Pitágoras refuxiouse en Metaponto, onde morreu pouco despois, cara o 496 antes de Cristo.

Pensamento

Debido ao carácter segredo das súas doutrinas pouco é o que sabemos delas. É difícil fixar tamén cales pertencen a Pitágoras e cales puideron ser desenvolvidas polos seus discípulos posteriores: Alcmeón ou Filolao, por exemplo.

A filosofía de Pitágoras desenvólvese nunha dobre vertente: unha místico-relixiosa e outra matemático-científica.

a) Polo que fai á primeira, o eixe central está representado pola teoría da transmigración das almas e a consecuente afirmación do parentesco entre todos os seres vivos. Segundo ela, as almas son entidades inmortais que se ven obrigadas a permanecer en corpos reencarnándose sucesivamente pasando duns a outros durante un período de tempo indeterminado, ata superar o proceso de reencarnacións grazas á purificación (catarse), que culmina no regreso da alma ao seu lugar de orixe. Para iso, era necesario observar numerosas regras de purificación, por exemplo, a abstinencia da carne, así como diversas normas rituais e morais. Esta teoría será adaptada posteriormente por Platón, constituíndo un elemento importante da súa filosofía.

b) En canto á vertente matemático-científica, Pitágoras afirmaba que os números eran o principio (arkhé) de todas as cousas.

b.1 Non sabemos se se concibían os números como entidades físicas ou se, polo contrario, se afirmaba que o principio da realidade era algo de carácter formal, é dicir, non material (unha relación, unha estrutura...). Aristóteles pensaba que a doutrina pitagórica do número baseábase en descubrimentos empíricos; por exemplo, no feito de que os intervalos musicais poidan expresarse numericamente. (De feito os pitagóricos concederon unha gran importancia ao estudo da música, vista a súa relación coas matemáticas. Esta relación puidérona ir ampliando ao resto de obxectos que constitúen a realidade, descubrindo no número a razón de todo o real, o que levaría a convertelo no "arkhé" dos milesios.) Parece, ademais, que os pitagóricos concibiron os números espacialmente, identificando o punto xeométrico coa unidade aritmética. As unidades terían, pois, extensión espacial e poderían ser consideradas, como di Aristóteles, como o elemento material das cousas.

b.2 É dubidoso que os pitagóricos puideran interpretar o número como unha realidade de carácter formal ou como unha estrutura da realidade, é dicir, como algo non material, dado que a aparición clara da concepción dunha realidade non material dificilmente pode anticiparse á reflexión platónica sobre o tema. Non obstante, pese ás explicacións de Aristóteles, tampouco queda moi claro como podería interpretarse o número como unha entidade material. Tamén na súa vertente matemática influirán en Platón os pitagóricos.

O Teorema de Pitágoras

Velaquí unha representación animada (2 minutos e 38 segundos) da demostración xeométrica do Teorema de Pitágoras, publicada en You Tube por Roberto Rosendo (coa letra da canción en portugués).