David Hume


Análises, comentarios e xuízos críticos

Exercicio 1

Realiza unha análise das consideracións de Hume sobre a moral, na que se saliente a súa estrutura argumentativa.

Sección 1. Dos principios xerais da moral

1.- As disputas con homes que teiman en manter os seus principios a toda costa son as máis molestas de todas, talvez coa excepción daquelas que se teñen con individuos enteiramente insinceros que en realidade non creen nas opinións que están defendendo, e que se engarzan na controversia por afectación, por espírito de contradición e polo desexo de dar mostras de posuír unha agudeza e un enxeño superiores aos do resto da humanidade. De ambos tipos de persoas debe esperarse a mesma adherencia aos seus argumentos, o mesmo desprezo polos seus antagonistas e a mesma apaixonada vehemencia no seu empeño por facer que imperen a sofistería e a falsidade. E como o razoamento non é a fonte de onde ningún destes dous tipos de disputantes saca os seus argumentos, é inútil esperar que algunha vez cheguen a adoptar principios máis sólidos guiándose por unha lóxica que non lle fale os seus afectos.

Quen negaron a realidade das distincións morais poderían ser clasificados entre os disputantes insinceros. Non é concibíbel que criatura humana algunha poida crer seriamente que todos os caracteres e todas as accións merecen por igual a aprobación e o respecto de todos. A diferenza que a natureza estabeleceu entre un home e outro é tan vasta e pode acentuarse ata tal punto por virtude da educación, o exemplo e o hábito, que cando se presentan a nosa consideración dous casos extremos enteiramente opostos, non hai escepticismo, por moi radical que sexa, que se atreva a negar absolutamente toda distinción entre eles. Por moi grande que sexa a falta de sensibilidade dun individuo, con frecuencia terá este home que ser tocado polas imaxes do xusto e do Inxusto; e por moi teimados que sexan os seus prexuízos, terá por forza que observar que os seus próximos tamén son susceptíbeis de experimentar impresións parecidas. Polo tanto, o único xeito de convencer a un antagonista desta clase será deixalo só. Pois cando vexa que ninguén está disposto a seguir discutindo con el, o máis probábel é que, de puro aburrimento, decida por si mesmo poñerse do lado do sentido común e da razón.

2.- Ultimamente tivo lugar unha controversia moito máis merecedora da nosa atención, que se refire aos fundamentos xerais da Moral. É a controversia acerca de se estes fundamentos derívanse da Razón ou do Sentimento; de se chegamos a coñecelos seguindo un cerco de argumentos e inducións, ou máis ben por un sentimento inmediato e un sentido interno máis sutil; de se, como acontece con todo recto xuízo acerca da verdade e a falsidade, deben ser os mesmos en todos os seres racionais intelixentes, ou deben estar fundados, como ocorre coa percepción da beleza e a deformidade, na particular maneira de ser e na constitución da natureza humana.

Os filósofos antigos, aínda que a miúdo afirman que a virtude non é outra cousa que unha conformidade coa razón, en xeral parecen considerar a moral como algo que deriva a súa existencia do gusto e do sentimento. Doutra banda, os nosos investigadores modernos, aínda que tamén falan moito da beleza da virtude e da fealdade do vicio, intentaron, polo común, explicar estas distincións mediante razoamentos metafísicos e deducións derivadas dos máis abstractos principios do entendemento. Tal é a confusión que reinou nestes asuntos, que un antagonismo de gravísimas consecuencias poderá chegar a prevalecer entre un e outro sistema, e incluso dentro das partes de cada sistema en particular. E, sen embargo, ninguén, ata fai moi pouco, reparara naquilo. O sutil Lord Shaftesbury, que foi o primeiro en sinalar esta distinción, e que, en xeral, adheriuse aos principios dos antigos, non se libra enteiramente de caer na mesma confusión.

3.- Debe recoñecerse que ambas posturas acerca desta cuestión son susceptíbeis de ser defendidas con argumentos plausíbeis. Dunha parte, cabería dicir que as diferencias morais poden discernirse mediante o uso da pura razón. Pois, de non ser así, como explicar as moitas disputas que teñen lugar na vida ordinaria e na filosofía con respecto a este asunto? Como dar conta da longa cadea de probas que son esgrimidas a miúdo por ambos bandos, os exemplos que se citan, as falacias que se denuncian, as inferencias que se deducen e as diversas conclusións que se sacan de acordo cos principios de que se parte? Pódese disputar sobre a verdade, pero non sobre o gusto. O que existe na natureza das cousas dita a norma do noso xuízo, mentres que o que un home sente dentro de si mesmo é o que marca a norma do sentimento. As proposicións xeométricas poden probarse, e os sistemas de física poden ser discutidos racionalmente. Pero a harmonía do verso, a tenrura dunha paixón e a brillantez de enxeño procúrannos un pracer inmediato. Ningún home razoa acerca da beleza doutra persoa, pero si ofrece argumentos cando se está referindo á xustiza ou inxustiza dos seus actos. En todo proceso criminal, o primeiro obxectivo do prisioneiro é probar que son falsos os feitos que se alegan, e negar os actos que se lle apoñen; o segundo consiste en probar que, aínda no caso de que ditos actos fosen reais, poderían xustificarse como inocentes e legais. É admitido que o primeiro obxectivo pode alcanzarse mediante deducións do entendemento; como poderiamos supoñer que é outra facultade da mente a que se emprega en lograr o segundo?

4.- Pola súa banda, quen afirman que todas as determinacións morais baséanse no sentimento esforzaranse por mostrar que á razón resúltalle imposíbel chegar a conclusións nesta orde de cousas. Á virtude, din os partidarios desta opinión, correspóndelle o ser amábel, e ao vicio, odioso. Niso consiste a súa auténtica natureza ou esencia. Pero pode a razón ou a argumentación asignar estes diferentes epítetos a tal ou cal suxeito e pronunciarse de antemán acerca de se unha cousa debe producir amor e outra odio? Que razón poderiamos dar para explicar estas disposicións afectivas, como non sexa a textura e conformación da alma humana, a cal está naturalmente capacitada para albergalas?

A meta de toda especulación moral é ensinarnos o noso deber, e mediante representacións axeitadas da fealdade do vicio e da beleza da virtude, xerar en nós os hábitos correspondentes que nos leven a rexeitar o un e abrazar a outra. Pero esperaremos que isto se produza mediante inferencias e conclusións do entendemento, as cales non teñen de por si influencia nas nosas disposicións afectivas nin poñen en movemento os poderes activos dos homes? Descobren verdades; pero cando as verdades que descobren son indiferentes e non xeran nin desexo nin aversión, non poden ter influencia na conduta. O que é honorábel, o que é xusto, o que é xentil, o que é nobre, o que é xeneroso, apodérase do noso corazón e anímanos a abrazalo e mantelo. O que é intelixíbel, o que é evidente, o que é probábel, o que é verdadeiro produce en nós, unicamente, o frío asentimento do noso entendemento; e a satisfacción dunha curiosidade especulativa pon fin ás nosas indagacións.

Extinguide todos os sentimentos e predisposicións entrañábeis a favor da virtude, así como todo desgusto e aversión con respecto ao vicio; facede que os homes se sentan indiferentes acerca destas distincións, e a moral non será xa unha disciplina práctica nin terá ningunha influencia na regulación das nosas vidas e accións.

5.- Estes argumentos esgrimidos por cada un dos bandos (e moitos máis que poderían aducirse) son tan plausíbeis, que eu inclínome a sospeitar que tanto o un como o outro son sólidos e satisfactorios, e que a razón e o sentimento concorren en case todas as nosas determinacións e conclusións. É probábel que a sentencia final que decida se tal carácter ou tal acto é amábel ou odioso, digno de gabanza ou de censura; a sentencia que poña neles a marca do honor ou da infamia, a da aprobación ou a censura; a que fai da moralidade un principio activo e pon na virtude a nosa felicidade e no vicio a nosa miseria, é probábel, digo, que esta sentencia final dependa dalgún sentido interno ou sentimento que a natureza outorgou a toda a especie dunha maneira universal. Pois, que outra cousa, se non, podería ter unha influencia deste tipo? Pero a fin de preparar o camiño para que se dea tal sentimento e poida este discernir propiamente o seu obxecto, atopamos que é necesario que antes teña lugar moito razoamento, que se fagan distincións sutís, que se infiran conclusións precisas, que se estabelezan comparacións distantes, que se examinen relacións complexas, e que os feitos xerais se identifiquen e se estea seguro deles. Algunhas especies de beleza, especialmente as de tipo natural, apodéranse do noso afecto e da nosa aprobación en canto se nos presentan por primeira vez. E cando non logran producir este efecto, é imposíbel que razoamento algún poida cambiar a súa influencia ou adaptalas mellor ao noso gusto e sentimento. Pero en moitas outras clases de beleza, particularmente as que se dan nas belas artes, é un requisito empregar moito razoamento para chegar a experimentar o sentimento apropiado; e un gusto equivocado pode corrixirse frecuentemente mediante argumentos e reflexións. Hai xusto fundamento para concluír que a beleza moral participa en gran medida deste segundo tipo de beleza, e que esixe a axuda das nosas facultades intelectuais para ter influencia na alma humana.

6.- Mais aínda que a cuestión referente aos principios xerais da moral sexa curiosa e importante, é innecesario neste momento que nos dediquemos a investigala con máis detalle. Pois se no curso da presente indagación somos tan afortunados como para descubrir o verdadeiro orixe da moral, entón veremos facilmente en que grao entra o sentimento ou a razón en todas as nosas decisións desta clase.

Para acadar tal propósito, trataremos de seguir un método moi simple: analizaremos ese complexo de calidades mentais que forman o que na vida común chamamos Mérito Persoal; consideraremos cada atributo da alma que fai que un home sexa obxecto de estima e afecto, ou de odio e desprezo; consideraremos así mesmo os diferentes hábitos, ou sentimentos, ou facultades que, se se adscriben a unha persoa, implican gabanza ou censura, e que poderían formar parte de calquera panexírico ou de calquera sátira do seu carácter e dos seus modais.

A aguda sensibilidade que neste punto posúe universalmente todo o xénero humano, dálle a un filósofo suficiente garantía de que nunca se equivocará moito ao compoñer este catálogo, e de que tampouco incorrerá no perigo de elixir mal o obxecto da súa contemplación: só necesitará entrar por un momento dentro de si mesmo e ver se a el lle gustaría que se lle adscribise esta ou aquela calidade, e se tal imputación proviría dun amigo ou dun inimigo. A mesma natureza da linguaxe guíanos case infalibelmente á hora de formarnos un xuízo desta clase. Pois como cada lingua posúe un grupo de palabras que se toman nun bo sentido, e outro grupo de palabras que se toman en sentido oposto, abonda cun lixeiro coñecemento do idioma, sen axuda de razoamento algún, para orientarnos na tarefa de recoller e clasificar as calidades humanas estimábeis ou censurábeis.

O único obxecto de razoamento será descubrir as circunstancias que tanto nun lado como noutro son comúns a estas calidades, observar o particular elemento no que todas as calidades estimábeis coinciden, así como o elemento no que coinciden as censurábeis, e, a partir de aí, chegar ata o fundamento da ética e atopar eses principios universais dos que en último termo derívase toda censura e aprobación. Como isto é unha cuestión de feito e non de ciencia abstracta, só poderemos esperar ter éxito seguindo o método experimental e deducindo máximas xerais mediante unha comparación de casos particulares.

O outro método científico segundo o cal se estabelece primeiro un principio xeral abstracto que é despois ramificado nunha variedade de inferencias e conclusións, pode que en si mesmo sexa máis perfecto, pero axústase menos á imperfección da natureza humana e é unha fonte común de ilusión e de erro neste e noutros asuntos. A humanidade está hoxe curada da súa paixón por hipóteses e sistemas en cuestións de filosofía natural, e só prestará atención a argumentos que se deriven da experiencia. Xa é hora de que intentemos unha reforma semellante en todas as disquisicións acerca da moral rexeitando todo sistema de ética que, por moi sutil e enxeñoso que sexa, non estea baseado nos feitos e na observación.

Comezaremos a nosa investigación sobre este tema considerando as virtudes sociais da Benevolencia e a xustiza. A explicación que deamos delas será probabelmente un primeiro paso que nos permita logo dar conta das outras.

David Hume, "Investigación sobre os principios da moral" (Segundo a versión de Xosé Mª Fouce Fernández para webdianoia.com)