En torno a Galileo
Carta do señor Galileo Galilei, Académico Linceo, escrita á señora Cristina de Lorena, Gran Duquesa de Toscana
(...) Pero aconteceu que o tempo revelou progresivamente a todos a verdade do por min sentado. Quen están ao tanto da ciencia astronómica e da ciencia natural quedaron persuadidos da exactitude da miña primeira posición. E quen se negaban a recoñecer a verdade do que eu afirmaba só por mor da súa inesperada novidade, ou porque carecían dunha experiencia directa dela, plegaronse aos poucos ao meu punto de vista. Pero hainos quen, amén do seu apego ao seu primeiro erro, manifestan acharse mal dispostos, non tanto para coas cuestións que expoño, canto para co seu autor; e como xa non teñen a posibilidade de negar unha verdade por hoxe ben probada, ocúltana con teimado silencio, e aínda máis irritados que antes polas miñas afirmacións que os outros aceptan agora sen inquietude, intentan combatelas de diversas maneiras. Non faría eu máis caso deles que dos outros contradictores que se me opuxeron, seguro de que a exactitude do que sosteño haberá de ser por fin recoñecida, se non vise que esas novas calumnias e persecucións non se limitan á cuestión particular de que tratei, senón que se extenden ata o punto de facerme obxecto de acusacións que deben ser; e que son para min, máis insoportábeis que a morte. É por iso que non debo facer de xeito que a súa inxustiza sexa recoñecida soamente por quen me coñecen, e coñéceos a eles, senón por calquera outra persoa. Eses adversarios tratan de desprestixiarme por todos os medios posibles. Saben que os meus estudos de astronomía e de filosofía leváronme a afirmar, con relación á constitución do mundo que o Sol, sen cambiar de lugar, permanece situado no centro da revolución das órbitas celestes, e que a Terra xira sobre si mesma e desprázase en torno do Sol. Advirten ademais que unha posición semellante non só destrúe os argumentos de Ptolomeo e de Aristóteles, senón que trae consigo consecuencias que permiten comprender, xa sexa numerosos efectos naturais que doutro xeito non se sabería como explicar, xa certos descubrimentos astronómicos recentes, os que contradin radicalmente o sistema de Ptolomeo e confirman á marabilla o de Copérnico. Decatando de que se me combaten tan só no terreo filosófico resultaralles dificultoso confundirme, lanzáronse a escudar o seu razoamento erróneo tras a cobertura dunha relixión finxida e da autoridade das Sagradas Escrituras, aplicandoas, con escasa intelixencia, á refutación de argumentos que non comprenderon.
(...)