Galileo Galilei


Galileo Galilei

(1564 - 1642)

Biografía

Galileo Galilei naceu en Pisa (Italia) o 15 de febreiro de 1564 (o mesmo ano que morreron Calvino e Miguel Ángel). Era fillo de Vincenzo Galilei, natural de Florencia, e Giulia Ammannati, natural de Pescia. O seu pai, músico, compositor e cantante, de familia ilustre, publicou varios libros sobre teoría da música e composicións para o laúde, aínda que tivo que dedicarse tamén ao comercio para facer fronte ás dificultades económicas. Galileo foi o primeiro dos sete ou oito (segundo as fontes) fillos do matrimonio, o que lle supuxo facerse cargo dos seus irmáns pequenos, aínda sen posición, á morte dos seus pais. En 1574 a familia trasládase a Florencia, e Galileo foi enviado ao mosteiro de Santa Maria di Vallombrosa, talvez coa intención de seguir a carreira relixiosa, ou para realizar estudos, pero aos poucos meses estaba de novo en Florencia. No medio familiar, a profesión do seu pai propiciou que Galileo se educase nun ambiente no que se combinaba a teoría e a práctica da música, (el mesmo tocaba o laúde) actividade que desde a antigüidade se asociara co estudo matemático da harmonía. Algúns biógrafos queren ver nestas circunstancias a causa do posterior interese de Galileo polas matemáticas.

A torre de PisaEn 1581 matriculouse na Universidade de Pisa, seguindo os desexos do seu pai de que estudara Medicina, disciplina na que un dos seus próximos antepasados exercitárase con éxito. Ao longo desta primeira fase dos seus estudos, segundo Vincenzo Viviani (biógrafo de Galileo), Galileo descubriría o isocronismo do péndulo, ao observar os movementos dunha lámpada na catedral de Pisa. Malia continuar os seus estudos, Galileo non se sente inclinado cara a profesión médica, e en 1583 deixa os seus estudos de medicina, trasladándose a Florencia para dedicarse ao estudo da xeometría de Euclides baixo o ensino do matemático da corte florentina Ostilio Ricci. Non obstante, volverá a Pisa, onde tras completar 4 anos de estudo de medicina, abandonaraos, sen obter ningún título, trasladándose de novo a Florencia en 1585.

Nos tres anos seguintes Galileo seguirá ampliando os seus estudos, completando a lectura dos Elementos de Euclides, así como traballando sobre a resolución dalgúns problemas de filosofía natural (física, diriamos hoxe), afastándose das explicacións aristotélicas e apoiándose máis en Arquímedes (a quen le e rele sen cesar), ao mesmo tempo que imparte clases privadas de matemáticas en Florencia e en Siena. Desta época é a súa invención da balanza hidrostática, á que chamou "bilancetta", seguindo o Principio de Arquímedes, e buscando un instrumento que permitise determinar experimentalmente e de forma precisa a diferenza de densidade entre corpos sólidos.

En 1587 realiza unha viaxe a Roma, onde coñecerá ao xesuíta Clavius (1537-1612), o máis reputado astrónomo da época, que impartía as súas leccións no Colexio Romano (fundado por Ignacio de Loyola en 1551). Aínda que Clavius era defensor do sistema ptolomeico, Galileo (que aínda non consta que fora xa copernicano) manterá correspondencia con el nos anos seguintes, recibindo por correo os seus escritos. Ao seu regreso, conseguirá unha praza de auxiliar de matemáticas na Universidade de Siena e seguirá impartindo clases privadas. Nesta época realiza algúns descubrimentos sobre o centro de gravidade dos corpos sólidos, seguindo a Arquimedes. Tamén axuda ao seu pai, probabelmente, no estabelecemento das proporcións entre a tensión e o ton dos instrumentos de corda. En 1588 obtén unha praza de auxiliar de matemáticas na Universidade de Pisa.

Tras intentar conseguir unha praza de profesor titular nas universidades de Pisa, Siena e Bolonia, será nomeado, en 1589, profesor de matemáticas na Universidade de Pisa, posto no que permanecerá ata 1592. Desta época son os seus primeiros estudos sobre o movemento, apoiándose na posición de Arquímedes, quen defendía que a velocidade de caida dos corpos era proporcional á súa densidade, e non ao seu peso, como afirmaba Aristóteles. En relación con estes estudos circulou a anécdota de que Galileo realizaba os seus experimentos deixando caer obxectos desde o alto da torre de Pisa, para demostrar as súas conclusións, anécdota que hoxe consideran de dubidosa autenticidade a maioría dos historiadores.

En 1592, un ano despois da morte do seu pai, obtén a cátedra de matemáticas na Universidade de Padua, na que permanecerá ata 1610 (o ano de publicación do "Sidereus Nuncius"), mentres que segue impartindo clases particulares de aritmética, xeometría, fortificación, etc. En 1595 ofrece unha explicación das mareas que require un movemento anual e outro diario da Terra, o que se considera a súa primeira manifestación de copernicanismo (o sistema astronómico de Ptolomeo afirmaba que a Terra permanecía inmóbil no centro do universo).

En 1599, aos 35 anos de idade, comezará a súa relación amorosa con Marina Gamba, de 21 (a quen coñece nunha das súas frecuentes viaxes a Venecia). Marina Gamba trasládase a casa de Galileo para vivir con el, aínda que sen casar. Con ela terá dúas fillas e un fillo: Virginia (1600), Livia (1601) e Vincenzo (1606). Marina Gamba casará en 1613 con Giovanni Bartoluzzi, cando xa se fixera cargo das súas fillas e fillo Galileo. Posteriormente as súas dúas fillas ingresarán nun convento, probabelmente por mor das dificultades económicas de Galileo para garantirlles unha dote suficiente para un matrimonio adecuado ao seu status na Corte dos Medici. O seu fillo, pola contra, entrará ao servizo do Gran Duque da Toscana.

Nestes anos de matemático en Padua (ata 1610) escribirá varios tratados sobre fortificacións, mecánica e astronomía, para uso dos seus alumnos, e manterá o seu interese pola construción de instrumentos mecánicos para resolver problemas prácticos, como a dun termoscopio ou termómetro de aire (o primeiro termómetro coñecido), un compás xeométrico e unha bomba de auga que utilizaba cabalos como forza motriz (e que patentou en Venecia en 1594). Galileo continúa cos seus estudos sobre o movemento, comezando as súas investigacións sobre o péndulo, os proxectís e o movemento uniformemente acelerado no plano inclinado, o que o levou á formulación e demostración matemática das primeiras leis do movemento, leis que se atopaban en clara oposición coas teorías aristotélicas sobre o mesmo. Tamén segue cos seus estudos de astronomía, dando tres leccións na Universidade de Padua sobre a supernova de 1604 nas que afirmaba (contra a hipótese de Aristóteles e Ptolomeo da inmutábel esfera das estrelas fixas) que a nova estrela atopábase "detrás da Lúa", polo que debería admitirse que se producían cambios nos ceos.

A catedral de Florencia, coa torre do campanario, á dereitaEn 1609 ten coñecemento da existencia dun instrumento, construído por un holandés chamado Lipperhey (aínda que outros lle disputaran a invención), que permitía aumentar o tamaño dos obxectos distantes, e proponse construír o seu propio, con máis aumentos que o orixinal, cousa que consegue (disque, máis por habilidade que por coñecer os principios ópticos do telescopio). Ofrece o seu telescopio ao Senado de Venecia, diante do que causa unha gran impresión, véndose recompensado co aumento do seu salario ao dobre e a garantía dunha praza vitalicia na Universidade. Galileo dirixe o seu telescopio cara as estrelas e planetas, e en decembro dese mesmo ano realiza os seus famosos descubrimentos astronómicos (montañas da Lúa, fases de Venus, satélites de Xúpiter) que se publicarán de seguida na súa obra "Sidereus Nuncius", en marzo de 1610, dedicada a Cosimo II, Gran Duque da Toscana, sendo recompensado co nomeamento de Filósofo e Matemático do Gran Duque. En setembro de 1610 Galileo trasladarase de Padua a Florencia, para facerse cargo do seu novo posto.

Tanto os os seus estudos sobre o movemento (física) como os seus descubrimentos astronómicos poñen de manifesto o erro de Aristóteles o que, pola súa vez, provoca serias preocupacións entre os aristotélicos (é dicir, nos medios eclesiásticos, xa que o aristotelismo era parte da doutrina filosófica oficial da Igrexa) e verdadeiro entusiasmo entre os copernicanos, como Johannes Kepler, quen mostra o seu público apoio ás teses de Galileo, e entre os membros da primeira sociedade "científica" da época, a "Accademia dei Lincei" (fundada en 1603 por Federico Cesi) quen o admiten en 1611 nas súas filas. Desde entón, as manifestacións en prol e en contra das teorías de Galileo non deixan de sucederse, enrarecéndose o ambiente coas súas posteriores publicacións sobre a existencia de manchas solares (1612). Malia iso, conseguirá manter aínda o apoio dalgúns eminentes homes da Igrexa (como o do Cardeal Barberini, posteriormente Papa Urbano VIII) así como o recoñecemento da veracidade dos seus descubrimentos por parte do xesuíta Cardeal Bellarmino (aínda discrepando das interpretacións de Galileo), e manter a súa boa relación co tamén xesuíta Clavius.

Galileo segue cos seus estudos e observacións astronómicas, pero en 1614 comezan os primeiros ataques públicos contra a obra de Galileo e dos matemáticos que o apoian, por parte do dominicano Tommaso Caccini en Florencia. Pouco despois, en 1615, o tamén dominicano Niccolo Lorini presenta unha denuncia contra Galileo diante da Inquisición. A discusión sobre se os descubrimentos de Galileo son ou non verdadeiros e, caso de selo, se poñen ou non en interdito as Sagradas Escrituras continúa aberta, e publícanse algúns traballos, como o do carmelita Foscarini, nos que se intenta demostrar que o copernicanismo e os descubrimentos de Galileo son compatíbeis coas Escrituras. O Cardeal Bellarmino escríbelle unha carta a Foscarini lembrándolle que o copernicanismo só pode ser considerado como unha hipótese matemática, non como unha descrición da realidade.

En decembro de 1615 Galileo trasládase a Roma, para dar conta das súas opinións diante da Inquisición. En febreiro, as autoridades eclesiásticas declaran que a hipóteses de que o Sol está no centro do Universo é filosoficamente absurda e formalmente herética; e que, igualmente, dicir que a Terra se move arredor do Sol é filosoficamente absurdo e cando menos, teoloxicamente un erro. O Cardeal Bellarmino comunicalle a Galileo a prohibición de defender a teoría copernicana. Posteriormente comunicaralle que non foi xulgado nin condenado pola Inquisición. Galileo volverá ás súas ocupacións habituais, entre elas, observar e explicar os novos cometas vistos nos ceos, continuando a súa actividade investigadora e publicando artigos e libros, o máis importante de todos, “Il Saggiatore”, en 1623, dedicado ao Cardeal Barberini, recentemente escollido Papa co nome de Urbano VIII, aínda amigo e protector de Galileo. En 1624 Galileo visitará Roma de novo, onde manterá varias entrevistas co Papa Urbano VIII, quen lle garante que poderá escribir sobre o copernicanismo, sempre que o considere estritamente como unha hipótese matemática.

A portada dos Discorsi, publicados en 1638 en LeidenEn 1632, tras conseguir de forma pouco ortodoxa os permisos eclesiásticos oportunos, Galileo publica os seus "Diálogos", nos que se ataca de fronte o aristotelismo e faise unha defensa intensa das teorías copernicanas. Un dos personaxes dos diálogos, Simplicio, a quen se presenta como alguén torpe intelectualmente, defende na obra algúns argumentos que utilizaba o Papa Urbano VIII, polo que esas coincidencias, segundo algúns, foron utilizadas polos próximos a Urbano VIII para enfrontalo con Galileo. Xa fóra por esta razón, ou por saltarse a autoridade papal para conseguir o "imprimatur" da súa obra, ou polo cambio das circunstancias políticas nas que se vía envolvo o Vaticano, o certo é que Urbano VIII prohibiu a difusión dos "Diálogos", ordenando que unha comisión especial estudase o libro. Seguindo o ditame elaborado por dita comisión, Urbano VIII remite o caso á Inquisición, que convoca a Galileo a presentarse diante do tribunal en Roma. Galileo solicita que o xuízo se celebre en Florencia, dada a súa idade e o seu estado de saúde. Pero rexéitase a súa solicitude e ten que trasladarse a Roma, baixo a amenza de que, de non facelo voluntariamente, sería detido e levado encadeado diante do tribunal.

En febreiro de 1633 viaxa a Roma, para declarar diante do tribunal da Inquisición, pero permíteselle residir no palacio do embaixador da Toscana, aínda que debe manterse illado. Do 12 ao 30 de abril é formalmente interrogado polo tribunal e, tras diversas vicisitudes penosas, abxura dos seus erros nunha cerimonia oficiada na igrexa de Santa Maria Sopra Minerva. Posteriormente manterano baixo arresto domiciliario na súa residencia de Arcetri, preto de Florencia, onde deberá cumprir a súa condena. Alí seguirá traballando na súa obra "Discursos sobre dúas novas ciencias", que será publicada finalmente en Leiden, en 1638, por Louis Elsevier.

O seu estado de saúde empeora progresivamente. En 1634 pide permiso ás autoridades eclesiásticas para ser tratado polos médicos, en Florencia, pero denégaselle o permiso, baixo a advertencia de que, de volver a pedir outro permiso, será encarcerado. Ese mesmo ano morre a súa primeira filla, Virginia, nun convento preto de Arcetri, no que profesaba os hábitos co nome de Sor María Celeste, e coa que mantivera correspondencia regularmente desde 1623. Malia estas circunstancias e á perda progresiva de visión, Galileo continúa as súas actividades. En 1638 perde totalmente a visión e realiza unha petición para que se lle levante a súa condena e sexa liberado, petición que é denegada, permitíndoselle, non obstante, estabelecerse na súa casa de Florencia, para que poida ser tratado medicamente de súas doenzas. Poucos anos despois morre na súa casa de Arcetri, o 8 de xaneiro de 1642.