José Ortega y Gasset


Análises, comentarios e xuízos críticos

Exercicio 1

Realiza unha breve análise da concepción orteguiana da razón vital, segundo o texto proposto, na que se salienten as principais inflexións da súa argumentación.

O tema do noso tempo, VI

A razón vital

O tema do tempo de Sócrates consistía, pois, no intento de desaloxar a vida espontánea para suplantala coa pura razón. Agora ben: esta empresa trae consigo unha dualidade na nosa existencia, porque a espontaneidade non pode ser anulada: só cabe detela conforme vai producíndose, freala e cubrila con esa vida segunda, de mecanismo reflexivo, que é a racionalidade. A pesar de Copérnico, seguimos vendo ao sol poñerse por Occidente; pero esta evidencia espontánea da nosa visión queda como en suspenso e sen consecuencias. Sobre ela tendemos a convicción reflexiva que nos proporciona a razón pura astronómica. O socratismo ou racionalismo xera, polo tanto, unha vida dobre, na cal o que non somos espontaneamente -a razón pura- vén a substituír ao que verdadeiramente somos -a espontaneidade. Tal é o sentido da ironía socrática. Porque irónico é todo acto no que suplantamos un movemento primario con outro secundario, e, en lugar de dicir o que pensamos, finximos pensar o que dicimos.

O racionalismo é un xigantesco ensaio de ironizar a vida espontánea mirándoa a partir do punto de vista da razón pura. Ata que extremo é isto posíbel? Pode a razón abondarse a si mesma? Pode desaloxar todo o resto da vida que é irracional e seguir vivindo por si soa? A esta pregunta non se podía responder desde logo; era mester executar o gran ensaio. Acabábanse de descubrir as costas da razón, pero aínda non se coñecía a súa extensión nin o seu continente. Facían falta séculos e séculos de fanática exploración racionalista. Cada novo descubrimento de puras ideas aumentaba a fe nas posibilidades ilimitadas daquel mundo emerxente. As últimas centurias de Grecia inician a inmensa labor. Apenas se aquieta sobre o Occidente a invasión xermánica, prende a faísca racionalista de Sócrates nas almas xermolantes de Francia, Italia, Inglaterra, Alemaña, España. Poucas centurias despois, entre o Renacemento e 1700, constrúense os grandes sistemas racionalistas. Neles a razón pura abarca amplos territorios. Puideron un momento os homes facerse a ilusión de que a esperanza de Sócrates ía a cumprirse e a vida toda acabaría por someterse a principios de puro intelecto.

Mais, conforme se ía tomando posesión do universo do racional e, sobre todo, ao día seguinte daquelas triunfais sistematizacións -Descartes, Spinoza, Leibniz-, advertíase, con nova sorpresa, que o territorio era limitado. Desde 1700 comeza o propio racionalismo a descubrir non novas razóns, senón os límites da razón, os seus confíns co ámbito infinito do irracional. É o século da filosofía crítica, que vai salpicar coa súa magnífica ondada a centuria última, para lograr nos nosos días unha definitiva demarcación de fronteiras.

Hoxe vemos claramente que, aínda que fecundo, foi un erro o de Sócrates e os séculos posteriores. A razón pura non pode suplantar á vida: a cultura do intelecto abstracto non é, fronte á espontánea, outra vida que se abonde a si mesma e poida desaloxar a aquela. É tan só unha breve illa flotando sobre o mar da vitalidade primaria. Lonxe de poder substituír a esta, ten que apoiarse nela, nutrirse dela como cada un dos membros vive do organismo enteiro.

É este o estadio da evolución europea que coincide coa nosa xeración. Os termos do problema, logo de percorrer un longo ciclo, aparecen colocados nunha posición estritamente inversa da que presentaron diante do espírito de Sócrates. O noso tempo fixo un descubrimento oposto ao seu: el sorprendeu a liña en que comeza o poder da razón; a nós fíxosenos ver, en cambio, a liña na que termina. A nosa misión é, pois, contraria á súa. Ao través da racionalidade volvemos a descubrir a espontaneidade.

Isto non significa unha volta á inxenuidade primixenia semellante á que Rousseau pretendía. A razón, a cultura more xeométrico, é unha adquisición eterna. Pero é preciso corrixir o misticismo socrático, racionalista, culturalista, que ignora os límites daquela ou non deduce fielmente as consecuencias desa limitación. A razón é só unha forma e función da vida. A cultura é un instrumento biolóxico e nada máis. Situada fronte e contra a vida, representa unha subversión da parte contra o todo. Urxe reducila ao seu posto e oficio.

O tema do noso tempo consiste en someter a razón á vitalidade, localizala dentro do biolóxico, supeditala ao espontáneo. Dentro de poucos anos parecerá absurdo que se esixa á vida poñerse ao servizo da cultura. A misión do tempo novo é precisamente converter a relación e mostrar que é a cultura, a razón, a arte, a ética quen han de servir á vida.

A nosa actitude contén, pois, unha nova ironía, de signo inverso á socrática. Mentres Sócrates desconfiaba do espontáneo e mirábao ao través das normas racionais, o home do presente desconfía da razón e xúlgaa ao través da espontaneidade. Non nega a razón, pero reprime e burla as súas pretensións de soberanía. Aos homes do antigo estilo tal vez parézalles que é isto unha falta de respecto. É posíbel, pero inevitábel. Chegou irremisibelmente a hora na que a vida vai presentar as súas esixencias á cultura. "Todo o que hoxe chamamos cultura, educación, civilización, terá que comparecer un día diante do xuíz infalíbel Dionysos" -dicía profeticamente Nietzsche nunha das súas obras primeirizas.

Tal é a ironía irrespectuosa de Don Juan, figura equívoca que o noso tempo vai afinando, puíndo, ata dotala dun sentido preciso. Don Juan revólvese contra a moral, porque a moral sublevárase antes contra a vida. Só cando exista unha ética que conte, como a súa norma primeira, coa plenitude vital, poderá Don Juan someterse. Pero iso significa unha nova cultura: a cultura biolóxica. A razón pura ten que ceder o seu imperio á razón vital.

(Obras completas, en castelán, Revista de Occidente e Alianza Editorial, 1983)