Louis Althusser


Análises, comentarios e xuízos críticos

Exercicio 2

Elabora un xuízo crítico sobre a interpretación da relación entre suxeito e ideoloxía, exposta no texto seguinte, do Prólogo á sexta edición do libro de Marta Harnecker "Os conceptos elementais do materialismo histórico"

"Marxismo e loita de clases"

Toda a teoría de Marx, é dicir, a ciencia fundada por Marx (o materialismo histórico), e a filosofía aberta por Marx (o materialismo dialéctico) teñen por centro e por corazón a loita de clases. A loita de clases é, polo tanto, "o elo decisivo", non só na práctica política do movemento obreiro marxista-leninista, senón tamén na teoría, na ciencia e na filosofía marxistas.

Desde Lenin sabemos claramente que a filosofía representa a loita de clases na teoría, máis precisamente, que toda filosofía representa un punto de vista de clase na teoría, contra outros puntos de vista de clase opostos. Sabemos que a filosofía marxista-leninista (o materialismo dialéctico) representa o punto de vista da clase obreira na teoría: é o "elo decisivo" para comprender por que esta filosofía pode deixar de "interpretar" o mundo para axudar á súa transformación revolucionaria.

Pero que a loita de clases sexa tamén o "elo decisivo" na teoría científica de Marx, é tal vez difícil de captar.

Conténtome cun só exemplo: "O Capital". Velaquí un libro que contén a ciencia marxista, os principios fundamentais da ciencia marxista. Sen embargo, non debemos facernos ilusións, non abonda ter un libro diante dos ollos, é necesario saber lelo. Agora ben, hai unha maneira de ler "O Capital", unha maneira de "comprender" e "expoñer" a teoría científica de Marx, que pode ser perfectamente burguesa. Burguesa, é dicir, influída, marcada, penetrada pola ideoloxía burguesa, máis precisamente pola ideoloxía economicista ou socioloxista burguesa.

Por exemplo, pódese ler "O Capital" da seguinte maneira: como unha teoría da economía política do modo de produción capitalista. Empezarase pola infraestrutura, examinarase o "proceso de traballo", distinguiranse as "forzas produtivas" e as "relacións de produción", analizarase a mercadoría, o diñeiro, a produción, a renda, a ganancia, o interese, a baixa tendencial da taxa de ganancia, etc. En resumo, descubrirase tranquilamente en "O Capital", as leis da economía capitalista.

E cando se termine esta análise dos mecanismos "económicos" agregarase un pequeno suplemento: as clases sociais, a loita de clases.

Acaso o capítulo minúsculo e inacabado acerca das clases sociais non está ao cabo de "O Capital"?, Acaso pódese falar de clases sociais antes de demostrar todo o mecanismo da economía capitalista? Acaso Marx non nos convida a considerar as clases sociais (e, polo tanto, a loita de clases) como o simple produto, o último produto da estrutura da economía capitalista, como o resultado desta? Acaso as clases sociais non son un simple efecto da existencia das clases?

Unha lectura deste tipo ou unha interpretación deste tipo de "O Capital" son unha deformación grave da teoría marxista: un vencemento economista burgués. As clases sociais non están ao cabo de "O Capital", están presentes do comezo ao fin de "O Capital". A loita de clases non é un efecto derivado da existencia das clases sociais: a loita de clases e a existencia das clases sociais son unha e a mesma cousa. A loita de clases é o "elo decisivo" para comprender "O Capital".

Cando Marx lle puxo a "O Capital" o subtítulo de: "Crítica da economía política", non quería soamente dicir que se propoñía criticar aos economistas clásicos, senón tamén a ilusión economicista burguesa. Quería criticar radicalmente a ilusión burguesa que separa coidadosamente por un lado, a actividade de produción e intercambio e, por outro, as clases sociais, as loitas políticas, etc. Marx, quería mostrar que todas as condicións da produción, da circulación, da distribución capitalistas (polo tanto, toda a chamada economía política) están dominadas pola existencia das clases sociais e a loita de clases.

Expliquemos en poucas palabras o principio esencial da tese de Marx.

Non hai produción económica "pura", non hai circulación (intercambio) "pura", nin hai distribución "pura". Todos estes fenómenos económicos son procesos que teñen lugar baixo relacións sociais que son en última instancia, é dicir, baixo as súas aparencias, relacións de clases, e relacións de clases antagónicas, é dicir, relacións de loita de clases.

Tomemos, por exemplo, a produción material dos obxectos de utilidade social (valores de uso). Tal como se presenta, a simple vista, nas unidades de produción, (fábricas, explotacións agrícolas, etc.). Esta produción material supón a existencia de "forzas produtivas", onde a "forza de traballo" (os traballadores) poñen en acción instrumentos de produción (ferramentas, máquinas) que transforman unha materia primeira. Un "economista" burgués,ou un lector "economicista" de "O Capital" vería alí un simple proceso de traballo técnico. Agora ben, abonda reflexionar como o fai Marx para decatarse que é un contrasentido. É necesario dicir que as forzas produtivas son postas en acción no proceso de traballo baixo a dominación das relacións produción, que son relacións de explotación. Se hai obreiros, débese a que son traballadores asalariados, é dicir, explotados. Se hai obreiros que non posúen máis que a súa forza de traballo e vense obrigados (por fame: Lenin) a vendela , é que existen capitalistas que posúen os medios de produción e compran a forza de traballo para explotala, para extraer dela a plusvalía. A existencia das clases antagónicas está inscrita, polo tanto, na produción mesma, na cerna mesmo da produción: nas relacións de produción.

É necesario ir máis lonxe: as relacións de produción non son algo que vén agregarse ás forzas produtivas como simple "forma". As relacións de produción penetran nas forzas produtivas xa que a forza de traballo que pon en acción as forzas produtivas forma ela mesma parte das "forzas produtivas" e que o proceso de produción capitalista tende sen cesar á máxima explotación da forza de traballo. E como é esta tendencia a que domina todo o proceso de produción capitalista, é necesario dicir que os mecanismos técnicos da produción atópanse sometidos aos mecanismos (da clase) da explotación capitalista. O que chamamos as forzas produtivas é ao mesmo tempo a base material (base "técnica", di Marx) e a forma de existencia histórica das relacións produción, é dicir, das relacións de explotación. Marx mostrou admirablemente, no Libro I, que as formas sucesivas da organización do proceso de produción (a manufactura e a grande industria) non eran outra cousa que as formas sucesivas de existencia material e histórica das relacións de produción capitalista. É polo tanto, un erro economicista e tecnocrático separar as forzas produtivas das relacións de produción.

O que existe é a unidade (tendencial), en formas de existencia material, das forzas produtivas e das relacións produción, baixo a dominación das relacións de produción.

Se é así, non hai produción "pura", e tampouco economía "pura". Coas relacións de produción, as clases están presentes a partir do comezo do proceso de produción. Con esta relación entre as clases antagónicas créanse as bases da loita de clases; a loita de clases está, polo tanto, enraizada na produción mesma.

Pero isto non é todo. Ningunha sociedade existe, é dicir, dura na historia, se ao producir, non reproduce as condicións materiais e sociais da súa existencia (da súa produción). Agora ben, as condicións de existencia da sociedade capitalista son as condicións da explotación que a clase capitalista fai sufrir á clase obreira; e a clase capitalista debe reproducilas custe o que custe. Para comprender "O Capital" é necesario elevarse ata a reprodución: e comprenderase entón que a burguesía non pode asegurarse a estabilidade e a duración da explotación (que impón na produción) senón a condición de conducir unha loita de clases permanente contra a clase obreira. Esta loita de clases prodúcese perpetuando ou reproducindo as condicións materiais, ideolóxicas e políticas da explotación. Realízase na produción (reprodución do salario destinado á reprodución da forza de traballo; represión, sancións, despedimentos, loita antisindical. etc.). Realízase tamén fóra da produción: é aquí onde intervén o papel de Estado e dos aparellos ideolóxicos do Estado (Escola, Igrexa, información, sistema político), para someter á clase obreira mediante a represión e a ideoloxía.

Se se le así, "O Capital" deixa de ser unha teoría da "economía política" do capitalismo, para transformarse na teoría das formas materiais, xurídico-políticas e ideolóxicas dun modo de produción fundado na explotación da forza de traballo asalariada, - para chegar a ser unha ciencia revolucionaria-.

Se é así, un pode facerse outra idea da loita de clases, e renunciar a certas ilusións "humanistas", que xorden da ideoloxía pequenoburguesa (que son o complemento das ilusións economicistas). Un vese forzado a abandonar a idea de que a sociedade capitalista existiría dalgunha maneira antes da loita de clases, e que a loita de clases que nós coñecemos sería o produto do proletariado (e dos seus aliados) en loita contra as "inxustizas" da sociedade.

En realidade, a loita de clases propia da sociedade capitalista é consubstancial coa sociedade capitalista: comezou con ela, é a burguesía a que a dirixiu dende os seus comezos cunha ferocidade sen igual, contra un proletariado entón desarmado. Lonxe de rebelarse contra as "inxustizas", o proletariado non fixo outra cousa, ao comezo, que resistir á loita da clase burguesa; antes de organizarse, de desenvolver a súa conciencia, e de pasar á contraofensiva, ata a toma do poder.

Se é así, se a teoría científica de Marx dános a demostración de que todo está relacionado coa loita de clases, compréndense mellor as razóns dese feito sen precedentes na Historia: a "fusión" da teoría marxista e do movemento obreiro. Non se reflexionou suficientemente sobre este feito: por que e como o movemento obreiro, que existía antes de que Marx e Engels escribisen o "Manifesto Comunista", recoñeceuse nunha obra tan difícil como "O Capital". É a partir dun punto de vista común: a loita de clases. Esta estaba no corazón da práctica cotiá do movemento obreiro.

Está no corazón de "O Capital", no corazón da teoría marxista.

Marx devolveu en teoría científica ao movemento obreiro, o que recibira en experiencia política.

Como di Mao Tsé-tung: "Non esquezamos nunca a loita de clases".

(Louis Althusser: "Marxismo e loita de clases". Prólogo á sexta edición de "Os conceptos elementais do materialismo histórico", de Marta Harnecker)

Febreiro de 1971.