Que non, que non ¡VIVA SÓCRATES!


Artigo de Agustín García Calvo

Seica un xornalista norteamericano retirado, un tal señor Stone, sacou un libro, que as mordazas españolas apresuráronse a venderlles a vostedes traducido baixo o título O Xuízo de Sócrates. Parece ser que o autor, para darlle á cousa ese empaque de escrúpulo e seriedade científica, conta que, para acometer a súa empresa, púxose na súa vellez, como Catón o Vello, a estudar grego. Un pensaría que, se se tomou ese deleitoso traballo, sería para poder entender con precisión os ambaxes lóxicos e sutilezas que xogan nos diálogos socráticos (o cal require certamente unha boa familiaridade co ático coloquial desa literatura) e para meterse un pouco no interminábel intento de, a través das versións de Platón e de Xenofonte, comparando e contrastando, discernir algo do que puido acaso dicir a voz de Sócrates dialogando polas rúas. Pero non: ao sr. St. non lle interesa para nada ao que soa sócrates nin o que di: interésalle o personaxe Sócrates, e a Democracia, e discutir unha vez máis dos motivos que tivese o Xurado democrático ateniense para condenalo a morte aos 70 anos; para o cal fin, abondáballe con recoller unha sarta de trivialidades históricas e opinións banais sobre o caso, que unhas mediocres traducións na súa lingua houberanlle proporcionado igual de ben. (Os lectores que queiran, con motivo deste namoriscamento, volver un pouco sobre o caso, dispoñen, entre outras, da Vida de Sócrates de A. Tovar, moitas veces reeditada e traducida e, se o queren máis sinxelo [atrévome a ofrecérllelo porque son libros esgotados dende fai anos e que terán que buscar nalgunha biblioteca], o artigo 'Sócrates', que fabriquei fai uns 15 anos para a enciclopedia Universitas da Ed. 'Salvat', t. II, e As obras socráticas de Xenofonte que saquei un par de anos antes na colección de peto de 'Alianza Editorial'.) O meterse coa figura de Sócrates foi unha ocupación frecuente neste mundo, desde que, vivo el e presente, Aristófanes (que en política era conservador e amigo de paces cos espartanos) púxoa nas Nubes en ridículo, cargándoa con especulacións físicas e malas mañas retóricas que non tiñan moito que ver con Sócrates, pero que daban motivo a un espléndido xogo cómico; e despois de morto, a máis notoria ata agora das diatribas antisocráticas era a de Nietzsche, que o atacaba sobre todo porque, fronte ao principio puro e duro de 'o máis forte', (contra o que se lanza o Sócrates de Platón no libro I da República), parecíalle a el que viña Sócrates a soster a lei dos febles e comúns, ou sexa o principio mesmo de toda democracia. Agora este sr. St. tomaa con esa figura case exactamente polo contrario: porque Sócrates, amigo esta vez de oligarcas e ata de réximes espartanos, era un perigo ou molestia para a Democracia, e que, no fondo, por iso o condenaron; o cal ao sr. St., como demócrata que el é, faille comprender mellor, se non desculpar do todo, que o Xurado democrático ateniense o condenase. Costa decatarse de tan crasa necidade sen encolerizarse un pouco, e a duras penas avéñome a rememorar un par de notas sobre a figura de Sócrates, antes de volver ao que importa. Fai o sr. St. coma se non se nos transmitise claramente que os cargos polosque se xulgou e condenou a Sócrates foron o de corromper aos mozos e o de meter deuses que non eran os oficiais; ou parécelle moi normal e democrático que a un se lle monte un xuízo cuns cargos aparentes, mentres que por baixo anda outro cargo verdadeiro; que non é sequera o de que á maioría democrática dos atenienses Sócrates caíalles gordo e estaban fartos del, senon iso de que non era un bo demócrata e máis ben gustábanlle os réximes aristocráticos; cargo, por certo, que era fácil de formular, e que nas varias democracias atenienses empregárano xa moitas veces. Para que habería que andar acusando a Sócrates de pervertir mozos e de traer outros deuses, cargos máis ben insólitos e pouco decentes para os ideais democráticos, se non era diso do que se lle acusaba? Logo, o sr. St., disque, desentendese de que, deixándolle vivir a Sócrates 70 anos, pasara por réximes de diversos cores en Atenas, entre eles algúns netamente oligárquicos, como o dos 30 Tiranos; durante o cal a Sócrates, como en tales réximes se adoita, sabemos que Os Trinta quixeron implicalo con eles encargándolle unha xestión policial para atrapar a un da lista negra; ao cal el respondeu non dándose por informado do encargo; así que nun tris debeu de estar que en consecuencia se o cargasen a el, adiantándolle así a cousa algúns anos e facéndolle para a Historia perecer baixo unha oligarquía en vez de baixo unha Restauración da Democracia. Como descoñecer a evidente indiferenza de Sócrates polos cambios de réxime e as actualidades políticas de Atenas?: el dedicábase a preguntar, entre outras cousas, que é iso de 'gobernar un estado'; e esa é unha pregunta que a ningún tipo de Goberno lle senta ben; só que a Sócrates a maior parte da súa vida tocoulle facela baixo unha Democracia. De onde veñen entón esas historias do sr. St. sobre As ideas políticas de Sócrates e as súas simpatías polo réxime espartano? Aí debe de estar o máis zafo do guisado: dos case únicos testemuños socráticos que nos quedan, os escritos de Platón e de Xenofonte, apenas se con mil miramentos e discusión de contradicións puideron os filólogos ir sacando algún fío para discernir o que neles podía haber de socrático, separándoo do que os autores foron atribuíndolle das súas propias ideas e seus gustos ao seu respectivo personaxe 'Sócrates'.. Pero en cambio, de Platón e de Xenofonte estamos ben informados: Xenofonte, bastante limitado de comprensión e facultade dialéctica (tanto máis admirábel é, pois, que a lembranza das charlas socráticas oídas na súa mocidade lle fixesen escribir en defensa da súa memoria), era unha señor con ideais de dereitas e declaradamente filoespartano; Platón, marabilla de lucidez e graza na escritura, a quen debemos, polos seus diálogos de mocidade, a maior parte do que poida habernos chegado da voz de Sócrates, sabemos que coa idade foi desenvolvendo ideais políticos e colaborando incluso con ditadores en ensaios para realizalos. Pois ben, velaquí que agora o sr. St. cargoulle tranquilamente a Sócrates todo o que ao seu propósito lle vén ben das monsergas morais e políticas que Xenofonte sobre todo mételle de vez en vez ao seu personaxe 'Sócrates', e supoño que tamén dos ideais políticos de Platón, que tamén el foi cada vez máis descaradamente poñendo en boca de seu 'Sócrates', (aínda que hai que dicir que no último e máis groso dos tratados políticos, as Leis tivo a decencia de retirar ao fin o nome de Sócrates da trama), e así debeuse de montar o sr. St. o Sócrates que lle facía falta para o xuízo. En fin, o colmo da cousa debe de ser cando, como mostra do desprezo de Sócrates pola Democracia, repróchalle o sr. St. que non apelara na súa defensa ao Principio da Liberdade de Expresión, xenial invento que se Sócrates o usara, desculparíalle de corromper mozos e de meter deuses novos. Coma se Sócrates non fixese ao Principio Democrático da Liberdade de Expresión o máis directo e fino homenaxe que se pode, a saber, o de usala, soltando o día do xuízo, igual que calquera dos da súa vida, o que lle saía par esa boca, sen coidarse moito das consecuencias. E aínda, eu creo que o sr. St. sospeita que Sócrates, que podía verse facilmente salvo da condena (e podía, si: ao que din as nosas fontes, puido en contraproposta de pena condenarse a unha multa moi grande, tomando o diñeiro que os seus amigos ricos lle ofrecían, cousa que o Xurado aceptaría probabelmente; pero el, que pensaba que o que Atenas lle debía era agradecemento, por actuar sobre ela como o tabán que mantén esperto a un cabalo remolón, teimouse en non ceder niso; e aínda, a regañadentes, condenábase a pagar todo o diñeiro que el tiña, unhas 20 ou 30 mil pesetas das de agora, o que ao Xurado, claro, non ía parecerlle respectábel), pois sospeita o sr.S t. -eu creo- que se deixou executar adrede para chinchar á Democracia e deixala para sempre cargada coa mala sombra da súa morte. Non podo máis seguir en torno á figura de Sócrates con estas necidades. O libro do sr. St. nin sequera o lin: ao entrar ou saír de cear folleeino un par de noites nas pilas de novidades dalgún drugstore, e non me quedaron ganas de máis. Nin me ocuparía de semellante libro, se non chega a ser que un amigo me traeu á atención un par de artigos que sacaron G. Jackson no Independente, 24 de Febreiro, e F. Savater no País do 26, a propósito do libro, tratándoo con encomio, aprobando o seu enxeño e probidade histórica, e ata Savater, que en anos afastados andou lendo comigo restos de presocráticos (e sócrates non é outra cousa que o último dos presocráticos), estimando contundentes os argumentos do sr.St. e declarando a delicia de iconoclastia que con ese libro lle coxegara. Que pode pensar un destes homes? O máis piadoso que se lle ocorre pensar a un é que van vellos ou están a facerse vellos, ou adultos polo menos. Porque é que a voz de Sócrates é un encanto perpetuo para os oídos dos rapaces. La figure 'Sócrates', ao fin e á corda, alá se vaia, co seu xuízo e a súa morte, coa Atenas democrática do 399 perante e a Administración da Casa Branca de 1989 post, e a sarta de zarandajas históricas con que entreteñen o seu tránsito cara a morte os executivos e donas de executivos comadreando diante do televisor ou na súa pantalla: a quen lle quita o sono o figurón de Sócrates e os mecanismos políticos da súa execución? Pero a voz de Sócrates, iso que, grazas a, e ao mesmo tempo, a pesar de Platón e Xenofonte, resucita dos escritos e soa unha vez e outra, iso aos rapaces e aos menos formados encántaos unha vez e outra e failles abrírselles os ollos e palpitar nunha paixón de razoamento viva. Porque é que, no transo no que o mundo os ten de aceptar o principio de realidade, de someterse polo seu propio ben futuro ás ideas que os maiores lles inculcan, soa unha voz que a cada unha desas ideas dominadoras pregunta "¿Que é?", e descobre razoando amabelmente as contradicións e a mentira de que están formadas, e iso é como un azo de liberación no que aletean aínda que sexa un breve intre os seus corazóns; e así pásalles como conta o Alcibíades de Platón (Symp. 215 d-216 b), ao que fai entrar ao final do convite de Amor medio bébedo, dicindo aquilo de que, cada vez que oía a Sócrates, ou as razóns de sócrates referidas por boca dalgún outro, lle danzaba o corazón e saltábanselle as bágoas, e parecíalle que non podía un momento máis seguir vivindo como vivía. Logo os rapaces adoitan facerse maiores, e empezan a crer pola súa vez en cousas, no ideal Nacional-sindicalista ou na Democracia por exemplo, e a ocupar os seus postos e destinos; e entón iso de Sócrates estórballes, como a ese Alcibíades, ao que saca Platón nun transo da súa vida na que está ocupando altos cargos na Administración Democrática de Atenas, e que segue no seu discurso declarando que agora o que ten que facer é andar escapado de sócrates e, como Ulises coas sereas, tapándose os oídos ás súas razóns, porque sabe que, se as oe, vai a pasarlle outra vez como de rapaz, e vaise quedar alí ata a vellez oíndoas. Só que non adoitan os homes confesarse tan claro esa necesaria fuxida e xordeira a sócrates á que o seu estado adulto lles obriga; o corrente é que apaguen pronto as súas contradicións, crean firmemente nalgúns ideais ou principios (en caso de que a lembranza de sócrates siga aguillando moito, poden, como Platón e Xenofonte, atribuírlle a Sócrates as ideas nas que eles van, coa vellez, crendo), ou máis ben non volvan sequera a acordar da que soaba sócrates, polo menos ata que algún dos nenos ou nenas que críen para o Ceo veña por ventura a oílo e se lembren del amargamente. É unha pena que os oíntes de Sócrates teñan na súa maioría que ser sempre tan inexpertos e mozos, e desde logo, isto da sucesión de xeracións e que, aínda que a voz siga soando sempre, eses mozos teñan que ser a cada paso outros e outros, non é un procedemento nada satisfactorio nin para quedarse tan conformes; pois o tinglado así o condiciona; e entrementres que pasa ou non algo para desbaratalo e acabar con esas condicións, o que si convén que notemos é que o truco principal para anular ou enxordecer as razóns é o de confundir a voz de sócrates coa figure histórica de Sócrates, e para non oílas, platicar moito das anécdotas do seu xuízo e a súa condena e morte baixo as pedriñas dos votos negros da maioría democrática dun Xurado da vella Atenas. Lémbrese que esa redución das razóns de sócrates á máscara histórica e persoal de Sócrates e aos seus enredos co réxime político do seu pobo que lle tocou en sorte, iso é o verdadeiro proceso para xulgalo e condenalo, unha e outra vez, a morte.

Nota:

o libro ao que se refire o autor, "El Juicio de Sócrates" de I.F.Stone, foi editado por Mondadori, en Madrid, o ano 1988.