Tropo - Glosario de filosofía

A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | U | V | Y

Si una palabra no aparece en el listado de términos mostrado es que no se encuentra definida en el glosario.

Tropo
Do latín "tropus" que traduce, pola súa vez, o grego "trópos" (etimoloxicamente, volta, maneira, melodía). O termo ten un dobre significado, segundo se aplique ao campo da retórica ou ao da gnoseoloxía. No ámbito da retórica, denomínase tropo á figura retórica que consiste en utilizar as palabras cun significado distinto ao que propiamente lles corresponde, pero co que se pode estabelecer algunha conexión, semellanza ou concordancia. Neste sentido, os principais tropos son a metonimia, a sinécdoque e a metáfora.

Na filosofía antiga o termo foi utilizado, en plural ("tropos"), polos filósofos escépticos tamén con outro sentido, referíndose con el aos modos de argumentación que poñen de manifesto a imposibilidade do coñecemento e, polo tanto, a necesidade de suspender o asentimento no xuízo. Os cambios e modificacións a que están suxeitos os nosos xuízos foron recollidos nos 10 tropos atribuídos a Enesidemo de Cnosos, nos que se resumen os principais argumentos utilizados polos escépticos na antigüidade para demostrar a inconsistencia das teses defendidas polos filósofos dogmáticos (todos aqueles que defendían a validez dalgunha doutrina).