Forma - Glosario de filosofía
Si una palabra no aparece en el listado de términos mostrado es que no se encuentra definida en el glosario.
- Forma
- Do grego "morphé" (forma, aínda que os filósofos gregos utilizaron tamén "schéma" e "éidos" para referirse ao mesmo concepto). Co termo designábase nos seus primeiros usos a figura interna das cousas, perceptíbeis só mentalmente, que terminaría identificándose coa esencia, co que a cousa é realmente (en Platón, por exemplo, coa Idea). Para Aristóteles a forma é tamén a esencia do obxecto, aquilo polo que algo é "o que é", e distínguea e opona á materia da que está feito o obxecto. A forma e a materia constitúen unha unidade indisolúbel (a substancia, a realidade individual e concreta), de modo que ningunha delas ten realidade nin existencia separada da substancia da que son forma e materia, respectivamente.
Os filósofos escolásticos distinguirán varias clases de "formas" (artificiais, naturais, substanciais, accidentais), chegando incluso a admitir a existencia de formas separadas ou "puras". Co descrédito do aristotelismo, e a partir da revolución científica do Renacemento, o termo caerá en desuso.
Posteriormente volverá a ser utilizado por Kant, pero cun significado distinto: a forma oponse ao contido dun fenómeno e remite á función ordenadora e unificadora do espazo e o tempo, respecto á sensibilidade, e das categorías, respecto ao entendemento. Na filosofía do século XX o concepto de forma usouse sobre todo asociado á idea de estrutura.