Dialéctica - Glosario de filosofía
Si una palabra no aparece en el listado de términos mostrado es que no se encuentra definida en el glosario.
- Dialéctica
- 1. Termo procedente do verbo grego "dialeghestai" que se refire orixinalmente á arte do diálogo e da discusión razoada, ("dialectiké techné"), e que adquirirá distintos significados ao longo da historia do pensamento.
2. En Platón a dialéctica oponse á erística, e identifícase xeralmente co movemento ascendente da alma en busca dunha comprensión cada vez máis universal da realidade, que culminaría no coñecemento da Idea, tal como o expón, por exemplo, na "alegoría da liña" (República, VI). Neste sentido, formarían parte da dialéctica platónica dous movementos lóxicos, un de "composición" (en busca dunha maior xeneralización), e outro de "división" (o estabelecemento das distincións entre os distintos xéneros).
3. En Aristóteles a dialéctica identifícase coa parte da lóxica que se ocupa do estudo do razoamento probábel, pero non da demostración, polo que o termo irá quedando asociado, así, á habilidade para argumentar, confundíndose a miúdo coa retórica, e terminando por adquirir un significado pexorativo que aínda se pode observar na filosofía de Kant, quen considera á dialéctica como unha mera "lóxica da aparencia".
4. En Hegel a dialéctica volverá a converterse no núcleo mesmo da filosofía, sendo considerada como un método de coñecemento e como a expresión do devir da realidade (do seu desenvolvemento e realización), na que a oposición suxeito/obxecto maniféstase como a unión de elementos opostos nunha síntese que leva á comprensión da realidade como Absoluto.
5. A dialéctica hegeliana é asumida por Marx, quen di que inverteu os seus fundamentos, para terminar concibindo a síntese superadora non como a simple reconciliación da unidade orixinaria da Idea, senón como a eliminación do momento negativo da realidade, á que, na súa dimensión social, concibe como o devir cara o comunismo.