Cinismo - Glosario de filosofía
Si una palabra no aparece en el listado de términos mostrado es que no se encuentra definida en el glosario.
- Cinismo
- 1.Escola filosófica da antigüidade, fundada en Atenas polo discípulo de Sócrates Antístenes de Cirene, (-444 a -365), quen impartía as súas ensinanzas no ximnasio chamado "Cinosargo" (o can áxil), de onde parece proceder o nome de "cínicos" co que foron denominados os seus seguidores. Segundo outros, o nome procedería directamente de "Cynos", (can) , apelativo que os cínicos consideraban un honor, dado o seu desprezo polas convencións sociais.
2.O cinismo foi tanto unha filosofía como un modo de vida, vertebrado en torno á súa crítica das convencións sociais, a esixencia da igualdade social, a fidelidade ao rigor moral e o retorno á natureza, o que supoñía a redución ao mínimo das necesidades humanas, segundo o ideal da "autárkeia", (autosuficiencia), considerando que abondaba satisfacer as necesidades primarias. Entre os discípulos de Antístenes salientaron Dióxenes de Sínope, (-413 a -327), e Crates de Tebas e a súa compañeira Hiparquia. No século II da nosa era salientará Luciano de Samosata, nun período de rexurdimento das propostas cínicas fronte á decadencia e corrupción do poder imperial romano.
3.O termo foi adquirindo posteriormente un significado pexorativo e despectivo (falar ou actuar con falta de pudor ou recato, mentir con descaro) ben distinto, co que pasou á linguaxe coloquial.