Ben - Glosario de filosofía
Si una palabra no aparece en el listado de términos mostrado es que no se encuentra definida en el glosario.
- Ben
- 1.O ben pode ser considerado como algo real, (xa sexa como un ente ou como unha propiedade dun ente), ou como un valor. No primeiro caso sería obxecto da metafísica; no segundo, da ética.
2. A concepción do Ben como unha entidade real, metafísica, atopámola na República, onde Platón identifica o Ben co Ser, dándolle un valor ontolóxico, (que non exclúe o seu valor moral), ao facer da Idea de Ben, á que compara co sol, a fonte de todo ser e de todo o bo. Esta concepción do Ben será compartida pola maioría de filósofos medievais, a raíz da súa aceptación por San Agostiño, quen a toma do neoplatonismo. Aristóteles, con todo, ao non aceptar a subsistencia das Ideas platónicas, rexeita a posibilidade de que exista un Ben absoluto, polo que concibirá o ben como a perfección á que tende cada cousa (cada cousa terá, pois, o seu ben, a súa perfección, que identifica co fin que lle corresponde por natureza).
3. En canto valor moral, o estudo do ben convértese no obxecto da ética. As distintas escolas filosóficas buscaron a súa definición dende a antigüidade, propoñendo, por exemplo, a identificación do ben coa sabedoría, co pracer, coa utilidade, coa indiferenza, etc., é dicir, con aquilo que o ser humano considera que debe conseguir para acadar unha vida feliz. Na modernidade, Kant reacciona contra estas concepcións, ao considerar que dan lugar a unha multiplicidade de "bens" que converten a moral en algo relativo, polo que propón unha concepción "formal" (que non ten ningún contido) do ben, ao que identifica coa "boa vontade", polo que o fin da acción moral non é xa a vida feliz, senón a vida digna.
4. A postura adoitada por Kant foi criticada polas éticas materiais posteriores ao considerar que só pode dar lugar á formulación de proposicións tautolóxicas e, polo tanto, baleiras, polas que en absoluto se pode rexer a moralidade.